O ENSAIO
Esta é a derradeira faceta de Ricardo Carvalho Calero como escritor, a do investigador incansábel en cuestións lingüísticas e literarias. Tan importante é o seu labor como estudoso, que chegou a eclipsar a súa produción literaria.
Comeza o seu traballo como ensaísta moi novo, na época de preguerra, colaborando na revista "Nós", en que facía reseñas de obras literarias (por exemplo: "Ollada encol da poesía galega" no ano 1934). Xa na época de posguerra, comeza a plublicar os seus estudos como libros.
- Comezando cos ensaios literarios, vai publicar obras en que analiza a historia da literatura galega e as grandes figuras do noso sistema literario:
- En 1955 vai publicar Sete poetas galegos en que fai un estudo da poesía galega dende o século XIX a partir de sete figuras literarias (Rosalía, Pondal, Curros, Noriega Varela, Manuel Antonio, Amado Carballo e Cabanillas).
- Na súa tese de doutoramento, escrita en español, fará un estudo de autores de poesía e de narrativa: Figuras de la literatura gallega.
- Mais a investigación literaria de máis importancia é a Historia da literatura galega contemporánea (1963), en que vai incluír todos os autores e obras dende 1808 até a súa época, constituíndo un traballo minucioso e moi completo, até o punto de que foi a historia literaria de referencia durante moito tempo (e, en certos aspectos, aínda o é).
- De moita importancia, é a obra Estudos rosalianos (1979), en que ofrece unha visión da vida e obra de Rosalía de Castro tratando de tirar por terra os tópicos creados sobre esta autora.
- En 1984 vai publicar a obra Letras galegas, en que recolle artigos sobre autores galegos e sobre movementos literarios.
- Outra obra moi importante, que reflicte o seu interese pola figura de Castelao, é Escritos sobre Castelao, do ano 1989. - Canto aos estudos de tipo lingüístico, inclúen traballos lexicográficos, dialectais, normativos...
- A obra máis importante neste ámbito é a Gramática elemental del gallego común (1966), escrita en castelán, mais que ofrece unha completa descrición de todos aspectos lingüísticos e pode considerarse a primeira gramática "seria" da lingua galega.
- Da súa autoría son os manuais de aprendizaxe da lingua Gallego 1, 2 e 3, en que ademais de ofrecer unha descrición da lingua, intenta establecer un padrón lingüístico.
- Seguindo esta liña de tentar crear unha norma, Carvalho prepara as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego.
- En 1981 vai publicar Problemas da lingua galega, en que abandona a súa proposta normativa e declara o seu posicionamento reintegracionista. Ao mesmo tempo, realiza unha descrición da problemática normativa da lingua.
- Moi interesante resulta a colección de artigos Do galego e da Galiza, que recolle textos publicados en "La voz de Galicia" sobre cuestións lingüísticas. - Noutros textos atoparemos investigacións máis amplas, incluíndo temas de lingua e de literatura. Nesta liña, en 1971 vai ver a luz Sobre lingua e literatura galega, obra miscelánea que recolle cuestións filolóxicas en xeral.